raul@centrogalen.com

raul@centrogalen.com

domingo, 20 de diciembre de 2009

2º BAC

O luns 11 de xaneiro é a data na que debedes ter elaborados os tres primeiros temas de sociolingüística seguindo as pautas comentadas na clase. Utilizade como referencia o libro de texto.

1º BAC


O primeiro libro de lectura do 2º trimestre é Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Debedes lelo, tentar gozar da lectura, saltar no tempo, metervos dentro da pel do protagonista e entender ou descubrir unha época distinta á nosa. A lectura debe estar realizada o 12 de xaneiro, comentarémola e poñerémola en común.

miércoles, 16 de diciembre de 2009

AVISO.

Ola a todas e todos; o blog está nestes intres no que podemos chamar en construción, polo que pouco a pouco volverei a colgar toda a información que aquí tiñades; agardo que isto non vos cause moitas molestias. De calquera xeito se precisades dalgún dos arquivos que aquí estaban colgados pedídemo.

BO NADAL E BOAS VACACIÓNS.

sábado, 12 de diciembre de 2009

A todas e todos


Manuel Rivas ingresou hoxe na Real Academia Galega.

martes, 1 de diciembre de 2009

A todas e todos.

Chega o libro electrónico, para quedarse?

lunes, 30 de noviembre de 2009

A todas e todos

A literatura galega segue a andar polo mundo; non si?

viernes, 27 de noviembre de 2009

1º BAC.

O venres 4 de decembro,o grupo A e o grupo B o xoves 3, entregaremos a cantiga de amigo de elaboración persoal. Debe respectar as características básicas deste xénero medieval que podedes consultar no libro de texto ou no arquivo PDF que tedes na columna lateral do blog.

jueves, 26 de noviembre de 2009

2º BAC

O exame de galego realizarase o mércores 9 de decembro. A primeira parte constará dun texto sobre o que se realizará unha cuestión de comprensión e un comentario a partir do texto. A segunda parte do exame constará dunha pregunta de fonética, outra ou outras de morfoloxía verbal e, por último, unha de literatura. A primeira parte valera tres puntos, a segunda 4 puntos e a terceira 3 puntos. Lembrade que os criterios de corrección están recollidos na columna lateral do blog dentro das indicacións da CIUG.

1º BAC.

O exame de galego realizarase o martes 15 de decembro.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

2º BAC B.

Hoxe é mércores 25 de novembro. Escribe a túa reflexión en comentarios.

2º BAC A

Hoxe e mércores 25 de novembro, escribide a vosa reflexión en comentarios.

1º BAC B

Hoxe é mércores 25 de novembro, escribide en comentarios a vosa reflexión.

1º BAC A

Hoxe é mércores 25 de novembro. Escribide en comentarios a vosa reflexión.

viernes, 20 de noviembre de 2009

Edgar Allan Poe traducido ao galego.


200 anos de Poe e literatura

Galaxia publica os seus 'Contos completos'

No ano no que conmemoramos os 200 anos do grandísimo autor de Baltimore, a nosa editorial publica, en dous volumes, os seus 'Contos Completos' en tradución de Eva Almazán á espera do ano que vén no que, un terceiro volume, deixará completado na nosa lingua esta inxente labor literaria e editorial.

Un dato a salientar é que por primeira vez publícanse en galego estes contos de Edgar Allan Poe e faise nunha edición sistematizada, que segue a orde cronolóxica e o texto establecido pola edición canónica de The Library of America.
A publicación destes dous primeiros volumes dos 'Contos completos', de Edgar Allan Poe (Boston, 1809-Baltimore, 1849), realízase dentro de Clásicos Universais, colección que ten como obxectivo traducir para o galego as obras fundamentais da tradición literaria mundial.

A obra contística de Poe é unha das que fundan a tradición literaria moderna, salientando como precursora en diversos subxéneros coma o policial e o de misterio. A súa influencia nos autores posteriores chega ata hoxe e a súa tradución sistemática para o galego ten relevancia, ademais, pola papel central do conto na tradición literaria do noso país.
Con esta edición dos 'Contos completos', de Edgar Allan Poe, o lector galego vai ter acceso ao conxunto dunha obra que é unha destemida e fascinante indagación nos misterios do mundo. O hipnótico poder de atracción das súas historias e unha concepción da literatura que xoga coas convencións para as superar fan de Poe un deses escritores lendarios que sobardadan os límites do universo literario.

Poe escribiu contos coma "Os crimes da rúa Morgue", precursor do xénero policial, e "A caída da casa Usher", obra mestra da narración de misterio, ademais de contos de imitación humorística, paródicos e filosóficos. Por outra banda, a obra narrativa de Poe está considerada como unha das que marcan o inicio da literatura moderna; a orixinalidade dos seus temas e o xeito no que son tratados, empregando unha linguaxe que renova a narración tradiciónal, vai deixar unha fonda pegada en todas as literaturas do mundo e supón un punto de inflexión inescusable na concepción da narrativa como xénero literario. A obra de Poe é un dos símbolos culturais que sinalan o abrollar da sociedade moderna, a sociedade das grandes cidades e da industrializacion. Como autor, Poe exerce e exerceu unha indubidable influencia na cultura do século XX, mesmo na cultura popular e, singularmente, no cinema.

jueves, 19 de noviembre de 2009

A todos e todas.

Déixovos aquí o enlace a un artigo de Manuel Rivas, lédeo POR FAVOR.

miércoles, 18 de noviembre de 2009

2º BAC

Debedes elaborar o tema: O teatro no primeiro terzo do século XX: Irmandades, Vangardas e Grupo Nós. Déixovos aquí o esquema que podedes seguir. A posta en común realizarémola o luns 30 de novembro.

domingo, 15 de noviembre de 2009

2º BAC.

Déixovos aquí o esquema que mañá luns comentaremos na clase sobre o tema que estamos a ver; ademais o control de lectura do día 20 trasládase ao luns 23.

lunes, 9 de noviembre de 2009

eBooks

A editorial Galaxia lanzará o seu catálogo en formato dixital.

sábado, 7 de noviembre de 2009

Novo texto dos Século Escuros

Esta nova está tirada do xornal de La voz de Galicia o sábado 7 de novembro.

O manuscrito localizado en Madrid converteuse nun punto de partida. Camiño Noia aventura o traballo de investigación que queda por diante, entre outras cousas para determinar quen era Pedro Otero Romero e Torres, do que só se sabe que foi avogado dos Reais Consellos de Felipe V. «Ou único que sabemos é que vivía na zona de Padrón», explica Noia, quen lanza unha luva aos historiadores para que mergullen nos arquivos parroquiais en busca do autor. De momento, desde a Universidade de Vigo realizaron unha primeira xestión ante o colexio de avogados da Coruña, o máis antigo de Galicia, pero as primeiras colegiaciones son do ano 1860. Así que nin rastro de Otero .
Misterioso é tamén o motivo polo que o manuscrito nunca se publicou. O documento está, de feito, dividido en dous partes; a primeira e fundamental é a que está escrita en galego e alcanza ata o reinado de Xoan II e o arcebispado de don Xoan de Cerezuela, en Compostela. A continuación existe un apéndice, escrito en castelán, que prolonga a narración de feitos ata a época de Felipe V. Con todo, o máis apreciable do achado é a data na que foi escrito. «Ou primeiro terzo do XVIII son vos chamados séculos escuros na literatura galega, unha etapa practicamente erma para as nosas letras. Ir atopando escritos deses séculos ten moito interese».

miércoles, 4 de noviembre de 2009

O hábito lector.

Este artigo está tirado do xornal
La voz de Galicia
, onde te sitúas ti?
As mulleres superan en sete puntos aos homes en hábito de lectura
A afección aos libros entre a poboación española maior de 14 anos é do 54,3%, porcentaxe que se dispara ao 92,9% entre os menores de 10 a 13 anos.

A idade, o sexo e o nivel de estudos son tres factores decisivos á hora de avaliar o hábito lector no noso país.
As mulleres lectoras (57,9%) superan aos home (50,7%) en todos os tramos de idade, excepto entre os maiores de 65 anos (32% dos homes fronte ao 26% das mulleres), segundo as conclusións do barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros para o terceiro trimestre de 2009, realizado pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE). As diferenzas mantéñense a favor das mulleres se se acode á frecuencia de lectura. O 43,7% das mulleres son lectoras frecuentes -len diaria ou semanalmente- fronte ao 36,2% dos homes.
O informe sinala que o índice de lectura entre a poboación maior de 14 anos sitúase no 54,3%; deles, o 40% son lectores frecuentes -len libros diaria ou semanalmente-, mentres que o 14,3% decláranse lectores ocasionais. Entre os menores de 10 a 13 anos, a porcentaxe elévase ao 92,9%. Deles, o 70,1% é lector asiduo e o 22,8% ocasional. Só o 7,1% dos menores desta franxa declárase non lector. O segmento que máis le sitúase entre os 14 e 24 anos (67,5%); o que menos, no nicho dos maiores de 65 anos (22,8%).
O nivel de estudos inflúe decisivamente nos hábitos de lectura. O 81,2% da poboación universitaria le libros con frecuencia. A porcentaxe baixa ao 56,8% entre os que teñen estudos secundarios, e cae ao 28,8% na poboación que só posúe estudos primarios.
Hábitat
A influencia do hábitat tamén resulta determinante. Máis de 20 puntos separan aos que se declaran lectores en poboacións de máis dun millón de habitantes (64,7%) dos que viven en núcleos de ata 10.000 habitantes (43,8%). Estas porcentaxes redúcense (52,2% e 30% respectivamente) entre os lectores frecuentes.
A media de libros lidos nos últimos doce meses polos maiores de 14 anos (que len con frecuencia) é de 8,8. Este grupo dedícalle á lectura unha media de 6,2 horas á semana. Entre os menores de 10 a 13 anos, a media é de 9,3, e a porcentaxe de horas semanais descende a 4,4.
O 92% declara o castelán como idioma habitual de lectura. O 4,3% le habitualmente en catálan/valenciano, o 1,5% faio en inglés, un 0,5% o eúscaro e un 0,4% en galego. Seis de cada dez lectores (60,4%) só le nunha lingua. O 39,6% restante faio nunha ou máis, preferentemente en inglés (15,8%) e catalán (9,3%).
O barómetro pon de relevo que o índice de lectura elévase ao 75,9% entre os lectores de xornais e sitúase no 50,0% entre os de revistas. O 29,6% le libros, periódicos e revistas a través de internet. O 13,1% le cómics.
A maior porcentaxe de lectores de xornais obtense nas idades intermedias. A alta taxa que se observa entre os que teñen entre 19 e 24 anos está moi influída pola lectura de diarios deportivos e prensa gratuíta.

2º BAC: Castelao.



Castelao
é un dos autores literarios máis salientables do primeiro terzo do século XX. Mais a súa figura esténdese non só á literatura senón a outros campos como poden ser a pintura e a súa obra gráfica.

A súa actividade política foi importante e significativa e a súa repercursión podedes deducila da polémica que creou o traslado dos restos de Castelao a Galiza dende Bos Aires no ano 1984, no vídeo que acompaña esta entrada.

viernes, 30 de octubre de 2009

Manuel Rivas.

Tomo esta nova do xornal El Progreso creo que cómpre destacala:
Literatura
Os nenos de Timor Leste lerán 'A lingua das bolboretas' na súa lingua, o tetun

'A lingua das bolboretas', coñecida obra de Manuel Rivas, será traducida á lingua orixinaria de Timor Leste, o tetun. Será mediante unha edición bilingüe de portugués e tetun, ambas linguas cooficiais do país asiático. O libro foi ilustrado polo tamén galego Miguelanxo Prado e conta cun prólogo especialmente feito para esta edición polo Nobel da Paz e presidente da República de Timor Leste, José Ramos Horta.

Este libro está destinado a ser incorporado ao currículo escolar do país, como obra de lectura para todas as escolas de Timor, xa que un dos maiores problemas do seu sistema educativo é a ausencia deste tipo de material, polo que se distribuirá de xeito gratuíto. Ademais, será utilizado nas campañas de alfetización de adultos.

Será a primeira vez que a obra dun autor do Estado español se incorpore como libro de texto ao currículo escolar dun país asiático. O proxecto consta de dúas edicións, unha pimeira en tapa dura e unha segunda en rústica, esta última de 100.000 exemplares. Ademais, contén tamén unha guía didáctica para escolares.

Isabel Allende.

Isabel Allende é unha escritora chilena recoñecida e lida en todo o mundo; a súa obra está escrita en castelán pero neste vídeo de 17 minutos podedes escoitala en inglés e seguir os subtítulos en castelán. Son impactantes e fannos reflexionar: escoita ou le,ou ambas pero non o pases por alto.

lunes, 26 de octubre de 2009

2º BAC. Lecturas


A primeira lectura non é un libro coma outros anos senón unha selección de textos dos autores máis representativos da Xeración Nós: Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao.

Debedes ler os relatos titulados O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán de Vicente Risco, O fidalgo de Otero Pedrayo e os fragmentos da obra de Castelao que aparecen na páxina.

Os textos deben estar lidos o 20 de novembro, venres.

viernes, 23 de octubre de 2009

1º BAC. Exame 4 de novembro.


A proba constará de varias cuestións ao redor da materia traballada na clase: os dous primeiros temas; dos que fixemos esquemas e textos expositivos postos en común na aula, ademais de exercicios gramaticais básicos. Isto non supón novidade, si o feito de que debedes traer o libro ao exame xunto co material que estimedes oportuno. Constará a proba dunha parte máis conceptual (definición...) e outra máis creativa. O exame realizarase na aula e no horario de clase habitual non será necesario máis tempo polo que cómpre sermos puntuais.

2º BAC. Exame 4 de novembro.


A proba escrita artellarase ao redor dun texto.
A primeira parte do exame constará de dúas ou tres cuestións relacionadas coa compresión do texto e/ou a produción dun texto por parte do alumno, a partir dalgunha idea presente no texto.
A segunda parte constará de dúas ou tres cuestións ao redor do sistema verbal galego ou outras cuestións morfolóxicas traballadas na aula.
A terceira e última parte constará dunha única pregunta de literatura.

O grupo A comezará o exame ás 11.40 e remtarao ás 12.40 e o grupo B comezarao ás 12.40 rematando ás 13.40

jueves, 15 de octubre de 2009

1º e 2º BAC

Tedes o calendario de exames na páxina web do centro.

miércoles, 14 de octubre de 2009

2º BAC.

Imos retomar o estudo morfolóxico do sistema verbal regular e irregular galego realizado o ano pasado. Farémolo a partir de exercicios de uso do mesmo, tamén podedes revisar os principais conceptos.

domingo, 11 de octubre de 2009

A literatura galega é universal


Manuel Rivas en bretón, Rosalía en xaponés

A literatura galega máis universal ca nunca

Os autores de nós seguen a recoller recoñecementos fóra das nosas fronteiras nunha nova confirmación da súa calidade.
Nestes meses atrás viron a luz 'Cantares Gallegos' de Rosalía de Castro en xaponés, e 'A lingua das bolboretas' de Manuel Rivas en bretón.
O filólogo nipón Takekazu Asaka, profesor de filoloxía románica na Universidade de Tsudajuku, baixo o selo editorial DTP Publishing, preparou unha edición bilingüe, en galego e xaponés, da obra iniciática do noso Rexurdimento. Por outra banda, o tradutor, Mark Kerrain verqueu ao bretón parte dos relatos que conforman unha nova edición de 'A lingua das bolboretas' baixo do título de TEOD AR BALAFENNED. O libro aparece publicado na editorial An Alarc’h de Lannuon.
Aires de Rosalía. Bolboretas de Rivas. Galego polo mundo.
Para fachendear máis aínda.

Ramón Cabanillas.

Aquí podedes ver un interesante documental sobre a figura de Ramón Cabanillas xunto cunha exposición moi interesante sobre a súa vida e obra.

jueves, 8 de octubre de 2009

1º BAC. Texto expositivo.

Os textos expositivos que estades a elaborar poñerémolos en común o xoves 15 o grupo B e o venres 16 o grupo A. CONTINUADE A GOZAR DAS FESTAS.

viernes, 2 de octubre de 2009

2º BAC. Tema 1.


1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.. Debedes elaborar este tema a partir dos contidos traballados na aula e recollidos nos temas 1 e 2 do libro de texto. Farédelo na clase polo que cómpre traer o libro de texto; elaborarédelo durante a semana que vén. GOZADE DAS FESTAS.

jueves, 1 de octubre de 2009

1º BAC. Recursos estilísticos.

A actividade prevista para o venres 2 de outubro realizarémola o martes 6 de outubro. Lembrade que debedes buscar un poema que vos guste, que vos faga sentir... e localizar nel cinco ou seis recursos estilísticos dos analizados no tema; deberedes explicalos aos compañeiros e compañeiras.

miércoles, 30 de septiembre de 2009

1º BAC



O Contador de estrelas de Santi Jaureguizar, editorial Alfaguara, é o primeiro libro de lectura do curso. A lectura debe estar realizada o 2 de novembro. Facilitareivos a guía de lectura e o traballo a facer na aula pero por riba de todo debebes tentar GOZAR coa lectura.

Actividades. Ficha de lectura.Actividades

Actividade 1
ANALIZA A CUBERTA
Escribe que che suxire a portada do libro, fai isto antes de comezar a lectura.
PROPOSTA DE ACTIVIDADES PARA FACER DURANTE A LECTURA
Actividade 2
ATOPA OS TERMOS
Mentres fas a lectura do libro busca os termos relacionados coa astroloxía.

Actividade 3
ONDE ESTÁN?
Debedes sinalar os lugares xeográficos en que se desenvolve a trama da obra e tamén incluír aqueles nomes de lugares citados polos personaxes. Debedes facer dúas listas: unha para os topónimos que se encontren na provincia de Lugo e outra cos que se localicen fóra dela; indicádeos todos nos mapas adxuntos.

Actividade 4
E TI QUE PENSAS…?
Reflexiona por escrito sobre o desenlace da obra.
PROPOSTA DE ACTIVIDADES PARA DESPOIS DA LECTURA
Actividade 5
CREA UN NOVO TÍTULO
Propoñede outro título para a obra; explícao.

Actividade 6
FAI A TÚA VALORACIÓN
Facede un resumo da historia e engadide unha opinión persoal na que reflictades se vos gustou a obra en xeral, que aspectos vos pareceron máis interesantes, cales vos atraeron menos, se vos sentistes identificados, etc.
ACTIVIDADES PARA A ÁREA DE LINGUA GALEGA E LITERATURA
Actividade 7
TRABALLAMOS COAS REDES SOCIAIS
Antía comunicábase con Nito moitas veces a través do Tuenti; aquí pretendemos que traballades de forma conxunta e colaboradora creando un espazo para a clase.
Neste espazo poderedes facer diversas actividades:
– Facer comentarios sobre a obra e o que máis vos gustou.
– Colocar fotografías ou debuxos que vos recorden a obra explicando por que.
– Colgar fotografías referentes á actividade «Agora creas ti», na que deberedes explicar como o interpretastes ou o que queríades transmitir; ademais os compañeiros podedes facer comentarios sobre se vos gusta ou non a interpretación.






Actividade 8
A ARTE NA TÚA VIDA
Debedes elaborar unha ficha para cada unha das dúas obras pictóricas citadas na obra; debe incluír: autor, data, estilo, lugar onde se atopa outras obras destacadas e a vosa impresión diante desa obra.

Actividade 9
AGORA CREAS TI
Servíndovos dalgún programa de debuxo (paint…), recorrendo a fotografías ou calquera outra técnica que se vos ocorra elaborade un collage en soporte dixital ao arredor do contido da obra.

Actividade 10
DALLE A VOLTA
Elaborade un diálogo no que Enver lle conta toda a verdade a Antía: por que lle dixo que era extraterrestre, en que lle revela os seus motivos para xuntar a Rosa mais a Romar e por que a reuniu co seu pai. Remataredes cunha pequena narración en que expoñeredes en primeira persoa o que sentiu Antíd despois de manter esa conversa

martes, 29 de septiembre de 2009

1º BAC

O venres 2 de outubro revisaremos os diferenes recursos estilísticos, cómpre que todos e todas analicemos un poema localizando cinco recursos que poidamos explicar. A semana que vén escribiremos.

lunes, 28 de septiembre de 2009

2º BAC

A posta en común iniciada o venres 25 rematarémola o venres día 2 de outubro.un saúdo.

miércoles, 23 de septiembre de 2009

2º BAC

O traballo iniciado na aula o mércores 23 de setembro debe estar rematado para a súa posta en común o venres 25 de setembro.

Un saúdo

1º BAC

o vindeiro martes 29 de setembro revisaremos os traballos realizados polo grupo sobre o tema 1, a parte de literatura. Cómpre que estean entregados ao profesor antes dese día. Podedes envialos a través da páxina do centro.
un saúdo

martes, 22 de septiembre de 2009

Proba de selectividade de galego 2009-2010

Lingua Galega e Literatura

--------------------------------------------------------------------------------

Estimados/-as compañeiros/-as:

Desde o Grupo de Traballo da materia Lingua galega e literatura dirixímonos a vós para informarvos das novidades da proba das PAAU para a convocatoria de xuño do 2010. Se non o fixemos antes foi para evitar posibles malentendidos no referente á proba deste ano, e por iso preferimos esperar a que se realizasen os exames de xuño.

Como xa sabedes, para o ano 2009-2010 estreamos DCB para segundo de Bacharelato, ademais de que tamén se producen importantes cambios nas probas das PAAU. A estrutura de exame que vos imos presentar a continuación responde basicamente a este novo modelo de DCB, nun intento de que os cambios non sexan moi acusados, tendo en conta que o modelo actual é ben coñecido e asumido por todo o profesorado e o alumnado.

O principal cambio vén dado polo feito de outorgarlle unha maior importancia ós aspectos de comprensión e de expresión. Esta decisión non a tomamos por capricho noso, senón que vén determinada polo propio DCB, o cal fai moito fincapé nas competencias e habilidades de comprensión e de expresión. Creo que todos estaremos en xeral de acordo en que o máis importante na nosa materia é que os alumnos/-as logren capacidades avanzadas no uso activo e pasivo da lingua. O novo modelo non fai máis que dar un maior valor a estes aspectos, cumprindo deste xeito cos contidos do DCB.

Partindo destas consideracións, o novo modelo de exame vai outorgar 5 puntos a tres preguntas: dúas breves de comprensión (1 punto a cada unha) e unha máis longa de expresión (3 puntos).

Ademais haberá dúas preguntas de gramática (1 punto cada unha), unha de sociolingüística (1 punto) e unha de literatura (2 puntos).

A continuación presentámosvos polo miúdo este modelo de exame, que constará, como ata agora, de 7 preguntas:

- Preguntas 1 e 2: valoraranse cada unha delas con 1 punto e nelas responderase de xeito breve a algún aspecto de comprensión do texto. Velaquí algunhas posibles preguntas:

Resumo breve do texto ou dunha parte del.
Estrutura do texto.
Ideas principais e secundarias.
Intencionalidade do texto.
Opinión do autor sobre algún aspecto que se indique. Será especialmente interesante que o/a alumno/-a perciba as ironías, por exemplo, e non entenda só o que se di, senón o que se quere dicir.
Significado concreto no texto dalgunha palabra ou expresión. Esta pregunta vén sendo similar á de léxico que se viña facendo ata agora.
- Pregunta 3: valorarase con 3 puntos e deberá ter unha extensión aproximada de 200 ou 250 palabras. Avaliará a expresión, polo que nela se pedirá que se produza un texto relacionado dalgún modo con aquel sobre o que se basea o exame. Para a súa puntuación terase en conta o xuízo crítico das ideas que conteña o texto, así como a capacidade do alumnado para estruturar adecuadamente as ideas que expón e a corrección da expresión. Tamén se terá en conta a corrección gramatical e ortográfica. Quere isto dicir que na propia puntuación da pregunta se valorará negativamente a incorrección ortográfica e normativa.

- Preguntas 4 e 5: cada unha terá un puntuación máxima de 1 punto. Versarán sobre conceptos de fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, semántica, léxico ou dialectoloxía. Estas preguntas veñen sendo similares ás preguntas 3, 4 e 5 do modelo de exame do 2009. O contido de dialectoloxía é novo, xa que se introduce agora no programa de 2º de Bacharelato. Esta pregunta de dialectoloxía, de facerse nun exame concreto, será unha pregunta breve e guiada sobre as posibilidades dialectais que podería ter unha forma presente no texto (por exemplo, ante a palabra veciño poderá solicitarse que se indique qué outras formas dialectais presenta o territorio lingüístico galego e qué extensión xeográfica ten cada unha delas).

- Pregunta 6: valorarase con 1 punto. Versará sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A sociolingüística”. As posibles preguntas son unicamente as seguintes:
1.- As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.
2.- Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.
3.- Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
4.- O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
5.- O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
6.- O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Como se observa polas preguntas, estes temas podería responderse con toda a extensión que se desexe. Non obstante, será imprescindible que a resposta sexa resumida, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Polo tanto, nesta extensión, máis ben breve para unha pregunta deste tipo, o alumnado deberá referirse ó contido importante e non divagar en consideracións xerais que non supoñan a cerna do tema.

Tanto nesta pregunta 6 como na seguinte (7) ofreceranse dúas posibilidades, para que o alumnado escolla unicamente unha delas. Estas dúas posibilidades serán as mesmas na Opción A e na Opción B do exame. Deste xeito poderá escollerse unha ou outra opción do exame sen que inflúan as preferencias nas preguntas de sociolingüística ou de literatura.

Pregunta 7: valorarase con 2 puntos. Versará sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A literatura”. As preguntas que se poderán facer sobre estes contidos son unicamente as seguintes:
1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.
2.- A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.
3.- A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).
4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.
5.- A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais.
6.- A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).
7.- A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas.
8.- O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.
10.- A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.
11.- A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.
12.- O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.

Nesta pregunta 7 temos que lembrar que as respostas nunca deben ser unha listaxe de autores e obras, senón que tamén se espera unha explicación das características da escrita dos autores, das tendencias ou das etapas. Como orientación en canto á extensión podemos falar aproximadamente dunhas 400 ou 500 palabras, aínda que isto pode ser variable dependendo de se o alumnado opta por unha resposta con redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.

Tal como se indicou máis arriba, neste pregunta, igual que na 6, ofreceranse dúas opcións (as mesmas na Opción A e B do exame) para que se escolla unicamente unha delas.

Tal como viña sendo habitual nas probas deste materia poderá empregarse calquera das terminoloxías lingüísticas existentes

Como se fixo ata agora, tamén se valorará a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderán descontar ata un máximo de 2 puntos por erros ortográficos. Os erros poderán ser:

-Moi graves: aquelas solucións que son alleas ó sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación do pronome persoal átono...). Descontaranse 0,2 puntos.
-Graves: solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y...). Acentuación diacrítica. Descontaranse 0,1 puntos.
-Leves: solucións galegas alleas ó estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Penalizaranse con 0,05 puntos.

Esta valoración negativa non se aplicará sobre a pregunta 3, xa que, tal como indicabamos, na propia valoración da pregunta irá incluído o desconto.

Finalmente só nos queda indicarvos que cando comece o próximo ano académico (ou antes) expoñeremos nesta mesma páxina web da CIUG (ciug.cesga.es) varios modelos de exame que vos poidan servir de referencia.