raul@centrogalen.com

raul@centrogalen.com

martes, 22 de septiembre de 2009

Proba de selectividade de galego 2009-2010

Lingua Galega e Literatura

--------------------------------------------------------------------------------

Estimados/-as compañeiros/-as:

Desde o Grupo de Traballo da materia Lingua galega e literatura dirixímonos a vós para informarvos das novidades da proba das PAAU para a convocatoria de xuño do 2010. Se non o fixemos antes foi para evitar posibles malentendidos no referente á proba deste ano, e por iso preferimos esperar a que se realizasen os exames de xuño.

Como xa sabedes, para o ano 2009-2010 estreamos DCB para segundo de Bacharelato, ademais de que tamén se producen importantes cambios nas probas das PAAU. A estrutura de exame que vos imos presentar a continuación responde basicamente a este novo modelo de DCB, nun intento de que os cambios non sexan moi acusados, tendo en conta que o modelo actual é ben coñecido e asumido por todo o profesorado e o alumnado.

O principal cambio vén dado polo feito de outorgarlle unha maior importancia ós aspectos de comprensión e de expresión. Esta decisión non a tomamos por capricho noso, senón que vén determinada polo propio DCB, o cal fai moito fincapé nas competencias e habilidades de comprensión e de expresión. Creo que todos estaremos en xeral de acordo en que o máis importante na nosa materia é que os alumnos/-as logren capacidades avanzadas no uso activo e pasivo da lingua. O novo modelo non fai máis que dar un maior valor a estes aspectos, cumprindo deste xeito cos contidos do DCB.

Partindo destas consideracións, o novo modelo de exame vai outorgar 5 puntos a tres preguntas: dúas breves de comprensión (1 punto a cada unha) e unha máis longa de expresión (3 puntos).

Ademais haberá dúas preguntas de gramática (1 punto cada unha), unha de sociolingüística (1 punto) e unha de literatura (2 puntos).

A continuación presentámosvos polo miúdo este modelo de exame, que constará, como ata agora, de 7 preguntas:

- Preguntas 1 e 2: valoraranse cada unha delas con 1 punto e nelas responderase de xeito breve a algún aspecto de comprensión do texto. Velaquí algunhas posibles preguntas:

Resumo breve do texto ou dunha parte del.
Estrutura do texto.
Ideas principais e secundarias.
Intencionalidade do texto.
Opinión do autor sobre algún aspecto que se indique. Será especialmente interesante que o/a alumno/-a perciba as ironías, por exemplo, e non entenda só o que se di, senón o que se quere dicir.
Significado concreto no texto dalgunha palabra ou expresión. Esta pregunta vén sendo similar á de léxico que se viña facendo ata agora.
- Pregunta 3: valorarase con 3 puntos e deberá ter unha extensión aproximada de 200 ou 250 palabras. Avaliará a expresión, polo que nela se pedirá que se produza un texto relacionado dalgún modo con aquel sobre o que se basea o exame. Para a súa puntuación terase en conta o xuízo crítico das ideas que conteña o texto, así como a capacidade do alumnado para estruturar adecuadamente as ideas que expón e a corrección da expresión. Tamén se terá en conta a corrección gramatical e ortográfica. Quere isto dicir que na propia puntuación da pregunta se valorará negativamente a incorrección ortográfica e normativa.

- Preguntas 4 e 5: cada unha terá un puntuación máxima de 1 punto. Versarán sobre conceptos de fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, semántica, léxico ou dialectoloxía. Estas preguntas veñen sendo similares ás preguntas 3, 4 e 5 do modelo de exame do 2009. O contido de dialectoloxía é novo, xa que se introduce agora no programa de 2º de Bacharelato. Esta pregunta de dialectoloxía, de facerse nun exame concreto, será unha pregunta breve e guiada sobre as posibilidades dialectais que podería ter unha forma presente no texto (por exemplo, ante a palabra veciño poderá solicitarse que se indique qué outras formas dialectais presenta o territorio lingüístico galego e qué extensión xeográfica ten cada unha delas).

- Pregunta 6: valorarase con 1 punto. Versará sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A sociolingüística”. As posibles preguntas son unicamente as seguintes:
1.- As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.
2.- Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.
3.- Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
4.- O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
5.- O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
6.- O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Como se observa polas preguntas, estes temas podería responderse con toda a extensión que se desexe. Non obstante, será imprescindible que a resposta sexa resumida, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Polo tanto, nesta extensión, máis ben breve para unha pregunta deste tipo, o alumnado deberá referirse ó contido importante e non divagar en consideracións xerais que non supoñan a cerna do tema.

Tanto nesta pregunta 6 como na seguinte (7) ofreceranse dúas posibilidades, para que o alumnado escolla unicamente unha delas. Estas dúas posibilidades serán as mesmas na Opción A e na Opción B do exame. Deste xeito poderá escollerse unha ou outra opción do exame sen que inflúan as preferencias nas preguntas de sociolingüística ou de literatura.

Pregunta 7: valorarase con 2 puntos. Versará sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A literatura”. As preguntas que se poderán facer sobre estes contidos son unicamente as seguintes:
1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.
2.- A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.
3.- A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).
4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.
5.- A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais.
6.- A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).
7.- A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas.
8.- O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.
10.- A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.
11.- A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.
12.- O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.

Nesta pregunta 7 temos que lembrar que as respostas nunca deben ser unha listaxe de autores e obras, senón que tamén se espera unha explicación das características da escrita dos autores, das tendencias ou das etapas. Como orientación en canto á extensión podemos falar aproximadamente dunhas 400 ou 500 palabras, aínda que isto pode ser variable dependendo de se o alumnado opta por unha resposta con redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.

Tal como se indicou máis arriba, neste pregunta, igual que na 6, ofreceranse dúas opcións (as mesmas na Opción A e B do exame) para que se escolla unicamente unha delas.

Tal como viña sendo habitual nas probas deste materia poderá empregarse calquera das terminoloxías lingüísticas existentes

Como se fixo ata agora, tamén se valorará a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderán descontar ata un máximo de 2 puntos por erros ortográficos. Os erros poderán ser:

-Moi graves: aquelas solucións que son alleas ó sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación do pronome persoal átono...). Descontaranse 0,2 puntos.
-Graves: solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y...). Acentuación diacrítica. Descontaranse 0,1 puntos.
-Leves: solucións galegas alleas ó estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Penalizaranse con 0,05 puntos.

Esta valoración negativa non se aplicará sobre a pregunta 3, xa que, tal como indicabamos, na propia valoración da pregunta irá incluído o desconto.

Finalmente só nos queda indicarvos que cando comece o próximo ano académico (ou antes) expoñeremos nesta mesma páxina web da CIUG (ciug.cesga.es) varios modelos de exame que vos poidan servir de referencia.

No hay comentarios: